Todo nada
29.2.04
  Ás escuras. Como estou tan cansa e fixen tantas cousas e bebín tanto alcol e comín coma unha lima e gastei tantos cartos e falei con tanta xente e fedellei en tantos trebellos e pasei tanto frío e paseino tan ben nesta longa fin de semana picheleira, deixarei a crónica pra mañá, se é que me sae e non hai nada mellor de que falar. Agora mesmo teño outras preocupacións: na casa fundiuse outra luz e hai que ir pensando seriamente en chamar o electricista antes de quedar na escuridade total. Se alguén coñece algún económico pola Coruña e me quere deixar embaixo a referencia, a Condesa de Fenosa e mais eu saberémolo agradecer.  
  Laconadas do mundo. Os donos do meu Bed&Breakfast compostelán quedaron encantados de que lles chufase o lacón con grelos e cuscús neste blog e propoñen a todos os lectores que se animen a probar nas súas casas e comenten aquí os resultados. Pouco ten que explicar a receita porque é do máis parvo: coces lacón, grelos, se a maiores tes un buteliño ou calquera outro adminículo porcino mellor que mellor, e en vez de cachelos engades medio vasiño de cuscús, que xa da para manter unha boa tropa. Non é tan exótico coma o wok de Manolo Gago pero é moito máis nazoal, á par que universal, e non precisa curri ningún.

Animo os blogalegos a chuzarlle aí un post gastronómico coas súas mellores receitas. Máis proveitoso cá campaña electoral que se nos presenta é, seguro.  
27.2.04
  Un rapidiño. Despraceime onte a Santiago, coa excusa de comprobar en que se gastan os nosos cuartos na Unión Europea, nunha divertidísima xornada á que asistín esta mañá. Mais tamén comprobei, a maiores, certos efectos alucinóxenos (xa sabidos) do Rioxa que nos poñen no María Castaña (se non non se explica que soñase esta noite cun ataque nuclear masivo por parte de ETA en toda a península agás Cataluña, non vos riades que o pasei fatal); así como o ben que sabía o lacón con grelos, butelo e cuscús que lles papei aos meus amabilísimos (tanto como orixinais no culinario) anfitrións; o entrañable caldo que pon Paco no Entrerrúas e a torta Selva Negra que poñen no Iacobus. Como a DXT desaconsella circular por mor da neve, botarei por aquí toda a finde, arrimada á calefacción etílica e humana dos bares composteláns. Mañá concerto de La Buena Vida, e hoxe a perrear pola zona vella, como di o amigo Cesare. Sentidiño e abrigarse.  
25.2.04
  Máis videoclís. Vale, pois agora ide a The Directors Bureau e mirade qué chulada de web fixeron Roman Coppola e os seus socios (irmá, excuñado e demais familia) para a súa productora de videoclips. Saberedes que a pandilla esta é moi dada ao xénero e tenlle feito os vídeos a amigotes ben modernos como Daft Punk, Bjork, Fatboy Slim ou os Strokes. Non se perder Funky Squaredance, o que lle fixo o Coppola máis modesto a un grupo chamado Phoenix, en todo un alarde de enxeño e arte povera que dura case 600 segundos. Paga a pena cada un deles.

Nada, que hoxe teño o día cool. Será pra alixeirar.  
 
Hey Ya



Xa me tarda a fin de semana para bailar o primeiro gran jit do 2004, obra de Outkast, os últimos ghamberros do mainstream ianqui. Aquí podedes ver (con sorte e paciencia) o videoclí e aquí unha versión en flash daquela maneira, titulada Hey Allah e protagonizada por Sadam, anque a min ségueme gustando máis o amante do diaño na peli de South Park. Vós mirmos.  
  Hoxe teño un cento de cousas na cabeza, tantas que aforro poñelas aquí. Ademais moitos xa sabedes a novidade do día: si, o careto ese de lista é meu. Parabéns a Vieiros polo cabodano, o redeseño e a súa habelencia co photoshop.

Outra novidade é que soubemos dos blos que lle molan a Xesús Fraga, a quen por certo non coñezo máis ca de lerlle os libros (recomendo A-Z) e de sentilo en RadioVoz. Digo isto para que non pensedes que aquí é todo amiguismo. Moitas gracias, Xesús, e bota por aí un comentiño, que non roemos.

Lamentable este autobombo, xa o sei.  
24.2.04
  O director das Noticias do Guiñol escríbelle hoxe esta Carta ao seu homólogo de El País:

Quiero expresarle mi más firme protesta por el contenido del editorial del lunes 23 de febrero. En él se afirma que las declaraciones del ministro de Defensa, Federico Trillo, sobre sus deseos de asaltar el islote de Perejil con carácter retroactivo "son comentarios que parecen sacados de los muñecotes del guiñol".

Puedo asegurarle que el guiñol de Federico Trillo jamás diría lo dicho por el ministro, porque el muñeco consulta todas sus intervenciones, siempre, con Blanquita, la cabra que le acompaña y que aporta sensatez, ponderación y sentido común en un asunto tan sensible como la política de Defensa de un país de primera división.

Antonio Martínez (Director de 'Las noticias del guiñol')
 
  Horror vacui. Quixera ser capaz de manter longos silencios, coma eses que se ven nas películas. Silencios cómodos e elocuentes, deses máxicos que transmiten máis que calquera palabra. Pero normalmente a boca vai por diante, tenlles un pánico atroz e di calquera cousa tirando a imbécil con tal de evitalos. Pois eu reivindico os eehhhh, os mmmmmh ou os pois bueno home bueno, que tanto avío nos fan na comunicación diaria. As palabras baleiras tamén as dicimos por algo, e a interpretación pode ser tan aberta coma no caso dos silencios. Meu tío Casiano, que foi xateiro (dato irrelevante), despois de cabecear na sobremesa sempre lanza ao aire a mesma frase: todo nada. Aínda non sei qué carallo quere dicir. A el –adiviñástelo- débolle o título deste blog.  
23.2.04
 
23-F


Miguel e Víctor recollendo o berro da multitude. A banda sonora poñédea vós.


Abonda con dar unha volta hoxe pola rede galaica para ver cómo a xente se acorda do de Madrí. Todo o mundo que foi quixo contalo, e velaquí o extracto do foro da Burla Negra, pouco menos ca unha bitácora colectiva. Todo o mundo quitou fotos, e aquí tedes un feixe delas. E todas e todos gardamos para nós un recordo especial de aquela fin de semana. Eu, entre outros moitos, rescatarei tres (ou catro pequenos):

- A viaxe pola A-6, coa xa célebre Dorinda soportando o peso de 5 humanos e 1.200 kms de camiño, nos que 3 de cada 5 coches eran galegos e 2 de cada 3 levaban a bandeira de Nunca Máis. Emoción colectiva on the road.

- Axitación de masas dende os balcóns do hoteliño no que paramos, en plena estación de Atocha. Saír á fiestra sacudindo a bandeira e que 800 persoas resposten berrando Nunca Máis, Incompetencia, etc. O meu medio minuto de groria, mentres me acababa de acicalar.

- No medio do barullo, os madrileños pedindo a traducción das consignas. Coa de "hai qu'ir morrendo" quedaban parvos.

- Miña terra galega. O momento culminante da xornada, tododios veña choutar anque só fose para estalicar as pernas logo de 2 horas de discursos. Saúdos e abrazos a esgalla. Ao acabar, acordarte de que tes fame e sono, e 600 kms de volta para mañá ir traballar. E querer quedar alí, e que todos os dias fosen tan guais coma ese.

Pero a cousa foi tan irrepetíbel que por iso hoxe todos nos acordamos cun algo de emoción. Pasámolo tan ben que ata se perdoa a actuación de Amaral. Daquela non pensabamos que un ano despois todo ía seguir igual, que Rajoy ía ser presidente e que iamos seguir tendo un pecio aí abaixo. Ben caro.  
22.2.04
 
Katrin



Os que viven aquí sempre se queixan, pero para os exiliados en cidades máis grandes o feito de que a Lugo cheguen as películas con varios meses de retraso supón unha segunda oportunidade caralluda de ver aquelas que nos perdemos no seu día. E perdón polo arranque de soberbia metropolitana. O caso é que fun ver Dogville e non sei se me gustou. Diría que non porque adormecín aos 10 minutos de que empezara (a extrema calefacción do Dumas en contraste coa temperatura exterior e a enchenta previa de cachucha tiveron algo que ver). Pero aos 15 espertei e a partir de aí a cousa colleu interese. Creo que sí me gustou, malia o acartonado e claustrofóbico do escenario. Os créditos finais axudaron moito, e tamén a dedicatoria a Katrin Cartlidge, que era unha actriz fabulosa que traballou, entre outras, en tres pelis que me encantan: Naked, Breaking the Waves e No Man's Land. Morreu no 2002, dunha pneumonía mal curada. Máis ca unha lástima, como di a directora Alison Anders neste sentido artigo de Salon.com, interesante magacine que non sei se xa recomendei algunha vez. 
  Frío, deberes e orellas a tutiplén. Non vos creades que é o Antroido das miñas festas favoritas. Os disfraces pouca gracia me fan e os petardos moitísima menos. Niso son como os cans, en canto sinto estourar collo medo e comezo a ladrar para todos os lados en forma de xuramentos. O ambiente prebélico do venres á tarde na rúa da Torre era temible, así que escapei para valado-city confiando en que o frío oriental a estas alturas dos escaparates non fose para tanto. O carallo. Os cero graos do exterior e os deberes que me agardan no interior son a excusa perfecta (ou non peor que outra calquera) para non saír, e quedo ao quente. A quen non se lle pode dicir que non é a miña mai, que manda erguerse cedo pola mañá para facer as orellas. Xa fritimos unha boa fontada delas así que vou seguir cos deberes. Sirvan de intermedio entre tanta actividade unha orella ben quentiña e este xélido post. Que me aproveite.

 
20.2.04
 
O ceu



O que foron capaces de facer os suízos cunhas cantas vacas, un pouco cacao e mau de obra galega. Sobre o Lila Pause de fresa e crispis, unha das aportacións calóricas máis próximas á groria bendita, hai abondosa literatura no Google, maiormente en alemán. Se vos gorenta podedes mercar unha agora mesmo online por pouco menos dun dólar, gastos de envío non incluídos. E se tedes moito vicio acudide a Snackspot, un portal británico con críticas, reseñas e comentarios sobre toda canta larpeirada hai no mercado (dalá). Sabido é o meu pouco aprecio polo doce, pero cando falamos da célebre chocolatina helvética hai que se poñer serios. Como dos Chocolates Carmiña, que se facían preto da miña casa en Lugo. Os da VA-CA fixéronlle unha merecida homenaxe no seu recente pasamento, e eu acórdome do cega que se poñía miña avoa a base de sopas de cacao Carmiña feitas con leite e pan da casa. O colacao e o nescuí, meros sucedáneos.  
 
A vós



Coñas á parte, sígome preguntando quén sería o fulano da redacción de La razón que se vestiu de etarra (?) para poder facer a foto. Digo a orixinal.  
19.2.04
  Sofá. Fodéuseme o ritual ese do que falan Kate e Jacarezinho uns comments máis abaixo. O Home Tranquilo acaba de chegar e padece unha caste de escurofobia que me impide apagar a lámpara do salón. Algún día falareivos del. Polo de pronto, tamén lle molan os Fisher. Mentres non empeza 6FU nin a serie do de Salceda de Caselas (a ver se me engancho, agora que a dan máis cedo), vemos a José Antonio Maldonado despedindo o tempo cun saúdo afectuoso aos seus compañeiros da academia militar por non sei qué cousa que celebran. Rediola. Por certo, Maldonado, non pasan os anos por ti. 
 
Volven os Fisher



 
18.2.04
  Nova entrega de As peores portadas de discos, vía Stone. Eles teñen a gañadora, que paso de reproducir aquí. Pero aí van as miñas catro finalistas. Escollede vós:

A


B


C


D


Ter tarifa plana para isto... 
  Orgullo hetero. Non sei se isto anda rulando por aí, eu mangueino de The Last Dance. É o decálogo de Las Heteras, unhas tías que pinchan e tal.

1. Las mujeres somos lo más. Las más.

2. Los gays salen en la tele, son divertidos y todo el mundo quiere tener uno en su vida. Vale que a lo mejor lo merecemos.

3. Los heteros son bobos. Sólo quieren follar. Nosotras también queremos follar, pero somos capaces de pensar en otra cosa cuando hablamos con un tío. La mayor parte de las veces, claro.

4. Ahora los gays ya no están mal vistos. Al contrario. Es guay para ellos. No tanto para nosotras, porque no es igual de guay ser lesbiana, la verdad. Eso quiere decir que hay más gays que lesbianas y, por lo tanto, menos heteros que heteras. Así que tocamos a menos.

5. Algunos tíos listos ya se han percatado de esta situación. Y se aprovechan. Lógico.

Ahí están esos avispados heteros haciendo su agosto en los clubs trendies. Como no hay donde elegir, muchas caen. Y es chungo.

6. Los tíos hetero controlan el poder económico. Se han inventado sus propios juegos y les han puesto nombres con siglas para que parezcan más chulos: FMI, G8, ONU, OTAN… Luego están los tíos gays que meten mano en un montón de cosas divertidas: la ropa, los programas de tele de culto, los iconos absurdos a reivindicar. Unos deciden qué pasa con nuestra pasta y los otros en qué gastarla. Ni de broma.

7. El romanticismo, el cinismo, el rock, el baile agarrao, las birras para desayunar o las calorías son iconos a reivindicar. Lo hacemos.

8. No todo el que no es gay es porque no se atreve. Es que ser hetero mola mucho.

9. Lo que no mola nada es el integrismo (aunque es imposible que alguien no esté de acuerdo con nosotras, avisamos).

10. Es una chorrada convertir en una bandera lo que haces en la cama. O en el ascensor. O en el coche. O donde puedas, vaya.

 
17.2.04
  Filispín. Hehe, xa eu mesma me dou a benvida ao marabilloso mundo da Tarifa Plana e da Alta Velocidade. Acaban de me instalar o cablemódem de Erre e xa podo navegar todo o que me pete (máis se cabe), e sobre todo, volver ser a raíña do P2P. Emule, Kazaa... preparádevos que aí vou!

E non sei para que me ando laiando cando ata vós sabedes en que se me van os ouros: en interné, no cine, en bebercio, en comercio, en concertos, en trapitos e en Dorinda, que é coma un fillo. Iso sen contar a vivenda, os recibos, a manutención básica e o tabaco. Para libros e discos hai tempo que non me dá: ben deito das bibliotecas do Fórum e de Monte Alto e, agora outra vez, do pirateo, por máis chula que se me poña María Jiménez. Os autores, como os perruqueiros, comigo non se poñen ricos.  
16.2.04
  Tofe. Ultimamente estou dun hiperactivo que asusto. Proxectos, encargas e comenencias diversas acumúlanse e intento unha e outra vez conxugar o imperativo do verbo centrárseme. Será certo que en tempos de escaseza (non sei en que se me evaporou o soldo deste mes) a cabeciña corre máis có almanaque, que diría Souto. Tampouco se está tan mal na escaseza, é cando menos gastos inútiles se fan e iso bota fóra calquera remordemento de orde pecuniaria. Momento Carpanta de hoxe: unha compañeira de choio tróuxome un anaco que torta de tofe que lle sobrara dunha festa, por non tiralo e previa pregunta de se me gustaba o tofe. Non moito, pero trae pacó, que non está a vida para andar tirando con ela. E empalagadiña estou logo dunha perro merenda, bebendo manzanilla para non trousar. O subidón este de azucre, eu que teño as analíticas tirando a amargas, acaba de me tumbar. Aló foi a hiperactividade toda. Retírome aos meus aposentos a pampear un pouco, que é de balde. Coma este post.

Xa me fode que este ano sexa bisesto. Un día máis que nos rouba o capital, antes de poder cobrar.  
15.2.04
  Free love (libre e gratis). Pasou o día e mais a romería, pero non quixera abandonar a finde dos enconados sen facervos partícipes do último descubrimento, xuro que totalmente casual: www.galiciacontactos.com. Non vos creades que a primicia ten moita máis chicha ca un foro no que o personal busca basicamente con quen foder. Pero parece cousa nova, polas poucas mensaxes que hai de momento. E todas ou case todas de homes: En Chico-Chica hai case unha ducia de mensaxes de "busco mujer", todos sen contestación, e unha mensaxe de "busco hombre", con 53 respostas. Non hai dúbida de que ao final sempre somos nós as que eliximos. Por certo, a que busca home é unha tal María, e volvo xurar que non son eu.

O peor é que en Chica-Chica a única mensaxe que hai é dun tal Pablazo, muy morboso y discreto q le gustaría ver como dos chicas realizan sus fantasías (ofrezco ayuda económica). En Chico-Chico, como adiviñaredes, hai unhas cantas mensaxes e bastante equilibrio entre a oferta e a demanda. Eles son máis expertos nesto do free-love internáutico.

Isto recórdame o día, hai un par de anos, que batín no quiosco da estación de autobuses turca coa portada da revista Galicia Erótica, que nin sabía que existía, e que me apresurei a mercar xunto cun Le Monde Diplomatique para disimular. Nutríase basicamente de contactos, con fotos máis que explícitas dos anunciantes, anuncios de puticlús galaicos de renome, unha entrevista a unha parella sobre as súas preferencias sexuais e un relato (?) titulado "Mi prima Julita" que non sei como volveron declarar deserto o premio Sonrisa Vertical. A revista presteilla un día a Rum, misteriosamente desaparecida da bloguesfera. Querida, xa ma podías ir devolvendo... polo menos espero que lle deas bo uso, agora que non blogueas. ;)

Buscando Galicia Erótica no Google (hai dominio pero non hai web), nun par de chimpos acabo en Preas.Net, weblog dunha xente que parece da Coruña e que tamén fai apoloxía do amor libre e da vida nocturna, cunha extensa galería de fotos de diversas saídas por Chevalier, Oh! Coruña e outros sitios que me gabo de non ter pisado na vida. Tamén paro en Galiciadenoche.com, web dedicada a anunciar garitos e festas e a poñer fotos de tipas, moi liberales elas, que frecuentan eses garitos e esas festas. Aviso que son da zona sur, por se vos tenta: Vigo, Pontevedra, Porriño, Sanxenxo, Tui e "Puentareas" (sic).

Así que se non vos comedes nada é porque non queredes. O tempo que botades en internet non é excusa, pois agora a moda é ligar pola rede. O ultimirmo, o Orkut, que ofrece a posibilidade de (cito) expandir a circunferencia do teu círculo social. Para entrar tes que ser recomendado por alguén que xa estea dentro, e logo ti podes seguir recomendando os teus amiguiños e eles os seus, etc. Se vos interesa falade con ascárida ou con deneno, que xa se apuntaron. Eu paso: o meu círculo social é máis ben cadrado.

Dispensade que non poña foto ningunha para ilustrar tan excitante post, pero co escrito e linkado (en galego ligado) ata aquí ides que vos matades para pasar a noite. Ata mañá, corazóns.
 
  O clube dos ciclistas mortos. Sábado á noite: Chego á casa nun visible estado de prexudicación, entérome pola radio do de Pantani e cáeme a alma aos pés. A prexudicación axuda, pero case o sinto tanto coma cando foi o do Chava Jiménez. As circunstancias da súa morte seica foron similares, igual cás da súa vida pero con matices: a Pantani truncóuselle a carreira no momento en que alguén lle botou drogha no Isostar. Chava encargábase el mesmo de botar algo de Isostar na drogha para disimular. E os dous escaladores acabaron os seus días almorzando a base de antidepresivos. Costa abaixo é todo máis rápido, abofé.



A quen lle sorprenda atopar algo de temática deportiva neste blog, direille que o ciclismo é o único deporte que verdadeiramente respecto, que son capaz de ver na tele e mesmo de practicar. Grandes sesións de RAVE (Rañamento Abdominal Vespertino Estival) me ten dado o Tour de Francia, e en xeral moito me admiran eses homiños con tanta forza nas pernas e no corazón, sobre todo os escaladores. Os da foto son Jiménez e Pantani en animada conversa durante o Tour do 2001, toque de morbo cortesía de EFE
14.2.04
  Matinée. Ben, pois xa fomos ver Lost In Translation, na sesión de mañá, que é unha das mellores horas para ir ao cine, máis se vas camiñando á beira do mar nun día de novo tan azul coma este. Malia que as expectativas eran moi altas e iso sempre vai en detrimento da propia impresión sobre a película, debo dicir que esta xa é a miña favorita do 2004, e levo vistas unhas cantas no que vai de ano. A do 2003 foi Cidade de Deus e tamén a vin a comezos de ano, co que é probable que esta non falle. As razóns son múltiples, e unha delas é Bill Murray, un dos meus actores preferidos de sempre e de cuxo personaxe, Bob, caín estraña e irresistiblemente namorada. Outra é que Lost In Translation fala (aínda que sexa a base de deliciosos silencios) da complicidade, esa cousa tan marabillosa e tan rara de atopar. E, en definitiva, que se trata dunha das máis chulas historias de amor que vin na gran pantalla, supoño que polo efémero do asunto, e vaia día para falar “do asunto” fun escoller.

Por iso mellor calo, e como non son nin pretendo ser crítica de cine, remítovos á que lle fai Antonio Córdoba en Elástico, descaradamente subxectiva, como debe ser. Non perdades tampouco a web que cita Antonio, Japander, que se dedica a facer seguimento de todas as estrelas occidentais, en auxe ou en decadencia (mesmo Rick Astley!), que van a Xapón gañar un diñeiro extra por anunciar productos que xamais utilizarían. Nin Are you awake? , web non oficial de LiT en formato blog. Pero mellor que vexades a peli primeiro, e logo falamos.



B.S.O. para hoxe: Une Chaise à Tokyo, de Benjamin Biolay
12.2.04
  Última procura pavera: "éxito luar gayoso" . Eu tamén mo pregunto...

 
  Eso de la interné. A nova cruzada contra a piratería non está protagonizada por María Jiménez, Loquillo ou Teddy Bautista. Agora é Cañita Brava quen protesta porque o seu disco despacha máis copias por internet (de gratis) que pola vía tradicional (pagando 10 ouros). Dende logo xa non queda respecto ningún polos artistas. Cóntao hoxe Rubén Ventureira na Voz da Coruña.



Aínda non dei atopado a web dende onde se poden descargar as últimas creaciones de Cañita, pero non pararei ata atopar polo menos unha de tan prometedor título como "El indio cheiroco". O que si atopei foi a páxina que lle fixo o seu rock-manager (sic), na que podedes atopar fotos variadas, entre elas as da curtametraxe titulada "Los invasores" na que o reiseñor dos Castros aparece vestido de Dirty Harry total. Atención á ortografía dos textos e as pintas de crápula do rock-manager e outras malas compañías. Polo visto Cañita está desesperado porque o leven dunha vez a Crónicas Marcianas, e non me estraña. Eu voto por que o fiche Pérez Varela como teloneiro de Britnispirs. Ponte a tiro, ho. 
11.2.04
 
Zatoichi



Flipadiña veño de ver a última de Takeshi Kitano, rachando a miña palabra de non volver ver películas de directores cuxo apelido empece por K. Non sei por onde empezar, se pola beleza das imaxes, da música, dos xaponeses, das xaponesas, se polas coreografías dos sachadores de arroz e o apoteósico claqué final ou se polo humor que se gasta Kitano, tan intelixente e á vez tan parvo que me fixo botar as risas máis sanas dos últimos tempos. Vale, tamén hai algo de sangue: rodan cabezas, troncos e extremidades coma salchichóns de Samos... pero a corte limpo, nada de debullar nas tripas e apedrar a carne toda, que niso os xapos son "moi profesionais".

Pois a risco de quedar como unha completa esnob, dende hoxe e dende aquí declaro a miña filia, ou cando menos curiosidade, por Xapón, eu que o máis oriental que teño na casa é unha navalla de Taramundi. Pero non sei moi ben cómo me podo iniciar. Amigos composteláns, a ver se me levades dunha vez ao xapo-restaurán, que o meu padal aínda non catou o sushi. E do resto agradecerei calquera recomendación de literatura nipona, a poder ser prosa e non haikus, que xa é moito minimalismo para min. No tema blogueiro só controlo a Geisha Asobi e outras webs das que lle molan á Petite Claudine, e o venres terédesme na cola para ver Lost in Translation, que está feita en Toquio. De música, quitando a Pizzicato Five, United Future Organization e Thee Michelle Gun Elephant, que só teñen en común o país de orixe e o nome en inglés, tampouco nada sei. Mañá mesmo comezo a investigar.

Saionara, beibes. 
10.2.04
 
Azul



Ou, como fai Jean-Sol, encher un post coa letra dunha canción. Eu vou poñer Azul, que é o que vexo estes días cando levanto os ollos do ordenador. Viva o mar do Orzán, e o anticiclón das Azores.

Azul, y es que este amor es azul como el mar
Azul, como de tu mirada nació mi ilusión
Azul como una lagrima cuando hay perdón
Tan puro y tan azul que me aguo el corazón

Es que este amor es azul como el mar
Azul, como el azul del cielo nació entre los dos
Azul, como el lucero de nuestra pasión
Un manantial azul ... que me llena de amor


Por se non lle dades atopado a mensaxe a este temazo de Cristian Castro, aquí tedes a letra completa coa correspondente análise semiótica. 
  Outra opción para encher sen esforzo é abusar do copy-paste e extraer un cacho dun artigo que che mole, por exemplo o de hoxe de Murado:

Así de arbitrarias son as críticas que padecen os grandes homes: que se en Iraq se pasou, que se en Vietnam se quedou curto... E o máis curioso de todo é que é o de Vietnam, e non o de Iraq, o que se considera máis grave, sobre todo porque o rival de Bush nas próximas eleccións, o senador Kerry, si que foi a Vietnam persoalmente e ten medallas para demostralo.

Francamente, eu aquí estou con Bush. Obxectivamente, foi el, e non Kerry, quen obrou con sabedoría, e se os demais soldados houbesen seguido o seu exemplo (iso que o presidente gusta chamar leadership, liderazgo), o resultado sería o mesmo, coa diferencia importante de que ninguén tería morto (Se cadra, só Kerry). Vietnam tería sido igual un país comunista e acabaría converténdose no que é agora: unha especie de aliado americano. As películas de Rambo terían sido comedias de enredo ou tratarían problemas sociais pero, a cambio, o síndrome de Vietman sería só unha forma periodística de chamarlle á gripe do polo .


É que ao final as precampañas electorais ianquis sempre son moi divertidas. Moito máis cás de aquí, madia leva. 
  Entraron buscando... ou que meter nun post cando non tes tempo para máis (nin imaxes politiqueiras coas que encher):

"pedofil foto".- Tardaron un día, e menos mal que non puxen a palabra enteira.

"fotos de los tonechos".- Esta busca nunca falta. Inda vou ser a principal referencia destes tipos no google. Que se preparen...

"fotos sesuais".- Outra das que máis se repiten. Pois xa poden ir buscando a outro lado.

"pernas tes".- Aparezo de primeira :))

"fotos de david bustamante en la revista people".- Libreme dios de ter tal cousa!

"esquelas el progreso de lugo".- Vedes como non son a única que reclama estas cousas en internet?

Engádega #1: "pub conxuro en noia" .- Non o coñezo, pero haberá que ir tomarlle algo, ló.

Engádegas #2 e #3: "britnispirs" e "letizia ortiz en vaqueira".- Disléxicos do mundo, vide a min.

Nas estatísticas deste blog tedes o resto de procuras, pero non tan paveras. E nestoutra páxina tedes procuras máis paveras, pero non deste blog. Ale, entreteivos por aí un pouco que eu teño moito que facer. ;)
 
9.2.04
  Hip Hop. Por se fose pouco o masoquismo xeracional da fin de semana, o sábado á noite fun con Cris ao concerto de El Payo Malo no Clavi. Os que coñezades o sitio saberedes que é un garito de puriles, famoso polos concertos de jazz e folk e cousas así. Pois ben, onte o público debía estar formado polos fillos da clientela habitual. En Lugo a tropa do hiphop sempre foi ben numerosa, pero debe ser algo que se cura coa idade pois alí os que pasabamos dos vinte anos contábanse cos dedos dunha man. Mesmo o camareiro se cachondeou de nosoutras cando nos viu entrar, afeito a vernos noutro tipo de saraos. Que pasa, non se pode vir escoitar música joven? Eu que sempre fun nova de máis para estar no Clavi, por vez primeira experimentei a sensación contraria, e aínda botamos unhas risas co conto. Por exemplo, chamounos a atención a cantidade de móbiles de última xeración cos que os rapaces lle quitaban fotos ó Payo Malo (esto en los conciertos de Treixadura no pasa), por non falar das pintas que gastaban eles e elas. Tamén chegamos á conclusión de que hai nenés bastante feitiños nesto do hiphop, Cris di que porque é carne fresca, eu porque nos poñen os uniformes. Vale, paro antes de que me acusen de pedofil..., e case aforro de poñer a palabra enteira, que logo entran nesta páxina buscando cousas raras no google.

Que queredes, había que buscar algo de que se rir, porque se algo lle hai que achacar ao hiphop, ademais da desproporción letra/melodía, é a falta total de sentido do humor: nas letras, na actitude vital, nos temas que tratan e en cómo os tratan... Polo demais o concerto estivo ben, eu non estou moi posta pero non soaba mal, e como movemento musical e cultural paréceme moi respectable e sobre todo moi curioso o ben que prendeu en Lugo. Non é cousa de agora, hai dez ou quince anos os barracóns de Frigsa parecían o Bronx pero con adolescentes brancos pintando nas paredes (algúns deles, ou delas, familia directa miña, e non sinalo a ninguén) , e hai vinte nas galerías da avenida da Coruña non faltaban os loros xigantescos e os bailadores de break-dance, incluído algún que é hoxe actor de éxito. Vai ser certo que o hiphop se cura coa idade: inevitablemente, ten que chegar o día en que os pantalóns acaban por caer de todo.
 
7.2.04
  Lucus... Que ¡Au! gusti. Antes de que me matedes polo deplorable xogo de palabras advertirei que non é meu, senón o título dun magacine que facían hai anos en Telelugo, a cadea veciña. Xa había tempo que non pasaba tanto ídem en valado-city. A culpa foi de Dorinda, que lle tiven que cambiar as luces e xa de paso o aceite, o filtro do aceite, o filtro do aire, o filtro de non sei que máis.... vintemil pesetiñas, cago no coche de dios. Sorte que a visita aos viejos foi produtiva en canto a botes e tupervares de comida para toda a semana. Tamén o foi en canto a descanso, que boa falta me facía, e en canto a posta ao día en novidades da xente: souben que a miña colega Noa, que é da miña quinta, vai casar este ano. Ajesús. E visitei os churumbeles doutra parella amiga, estes sí en idade de telos. Dá vertixe ver cómo os colegas están xa está nesa fase da vida que ata hai nada nos quedaba tan lonxe. Polo que a min respecta segue quedando, pero a distancia á que os vexo acórtase, non hai que lle facer.

De todas maneiras hai cousas en Lugo que non cambian, como certo sabor a rancio. O venres sintonicei un pouco de Telelugo e xusto estaban retransmitindo a entrega do Premio Puro Cora de xornalismo, que lle deron a Jenaro Castro, seguramente non tanto pola calidade intrínseca do artigo en si como por ser bon rapaz e de Pol (coma Fernando Ónega e Xosé López: que terá Pol para ser un dos concellos galegos con máis xornalistas ilustres per cápita?). A retransmisión era en directo, quero pensar que en directo-directo e non cos 5 segundos de retardo tan en boga, malo sería que se lle fose ver unha teta a Ana Pastor. Nin que a ningún premiado ou premiante se lle fose a boca, pois como digo os asistentes eran todos de moi boas familias delugodetodalavida, xente con estudios, piso no centro e chalé en Ombreiro. A chegada dos comensais ao Círculo das Artes durou unha media hora, na que Antón Grande non tiña problemas para identificar os convidados (“vemos al doctor Tal con su bella acompañante”), mentres a compañeira se esforzaba en encher os ocos co historial de anteriores premiados. Na miña casa estivemos uns vinte minutos apampando diante da tele, tratando de identificar a políticos, médicos e avogados, ata que alguén dixo: o que faltaba, os pobres coma pampos mirando prós ricos. E cambiamos a Luar, que estaba Raphael.

 
5.2.04
 
Melloraremos



A Pintinho por mandalo e a Miguelinho por remandalo, gracias! 
  Descanse On Line. Vanme volver chamar necrófila (e iso que xa hai ben tempo que non fago ningún post obituario, será que non houbo motivo a dios gracias), pero hai unha cuestión nisto da interné que levo tempo reivindicando: dende que os xornais decidiron facer a súa edición dixital axiña viron que o conto era verquer á rede todos os seus contidos, anque algúns logo recuaran. Todos os contidos? Non. Só os, digamos, informativos e non a publicidade, incluíndo en tal concepto os anuncios por palabras e as esquelas. Para unha lugocha de pro coma min foi unha gran cousa o poder ler o Progreso dende a diáspora, ademais dun alivio económico pois (si, recoñézoo), os primeiros anos en Santiago comprábao varias veces á semana. Mais da edición dixital faltaba, e segue faltando, unha das seccións fundamentais, a páxina pola que miña mai abre o periódico para "ver quen morreu": as esquelas, que serán publicidade pero ante todo son información. Ningún xornal galego as publica en internet, agás El Ideal Gallego e o seu vástago o Diario de Ferrol. E a min, dispensando, pouco me importan os mortos de Coruña ou Ferrol, que non coñezo ningún. Dos de Lugo téñome que enterar pola sección Registro Civil do Progreso, que se ben non é o mesmo (non sabes quen son os sobriños nin os primos nin a demais familia, nin a qué hora sairá o ómnibus), tamén informa sobre nacementos e matrimonios, e por sorte aí tamén hai ás veces coñecidos.

Todo isto viña a conto (ou non) porque en Elástico falan hoxe, entre outras marabillosas curiosidades modernas, de GoogObits, unha web na que collen os obituarios dos principais xornais en inglés e completan a necrolóxica con procuras feitas no Google sobre o defunto en cuestión. Como vedes, hainos máis necrófilos ca min, e ben máis desocupados.

Desculpade o sinistro deste post cando o tema de moda son as tetas, pero xa non sei qué será máis penoso, a verdá. 
3.2.04
 
Aznar en 30 segundos

 
2.2.04
  Bilingüísmo lacónico (de lacón). Ignoro se se puxeron de acordo, pero faime gracia a coincidencia: resulta que tanto Vendell como César Casal, que habitualmente escriben en español, cámbianse ao galego para falar do cocido que comeron esta fin de semana e da conversa xurdida á calor da mesa. Non podo menos que reflexionar para os meus adentros sobre sociolingüística (ou psicolingüística, ou gastrolingüística) e prometer que cando vaia comer un cochinillo a Segovia hei escribir un post en castellano, con tempos compostos e todo. Só pa que vexades que tamén sei.

Mágoa que o Premio Álvaro Cunqueiro de Xornalismo Gastronómico xa estea dado. Sempre chegamos tarde a estas cousas, cagontal.  
 
En Portugal



A foto chegoume por correo electrónico pero logo gugleando atopeina en Chámalle X, unha web de curiosidades que polo nome -só polo nome- parece ser galega.
 
 
Un actor mexicano



Sen que sirva de precedente, concordo con Cesare en tema machos. De Diego Luna dixo unha vez David Trueba que ten sexo na mirada, e eu acórdome del cada vez que escoito a canción de La buena vida. A Cayetana fraqueábanlle as pernas.  
1.2.04
  Alcol, cultura, verzas. A fin de semana anunciábase etílica e non defraudou. Teño algunhas lagoas mentais sobre a noite do venres (Compostela) e tamén a do sábado (Lugo). Volvín trazar o triángulo da A-9 e a A-6, pero na hipotenusa a Dorinda escaralláronselle as luces de cruce e tiven que circular todo o tempo coas largas, co que aproveito para pedir desculpas a todos os conductores que me deron ráfagas onte en torno ás nove da noite pola N-632. Era eu, e por unha vez non era despiste.

Tamén houbo tempo para a cultura, entre a ultranoite do venres e a xa clásica visita resacosa das tardes de sábado ao CGAC. Gustoume bastante a exposición "Esperando unha chamada", na que decidín a miña próxima nova vocación, sen ter puta idea de arte: quero ser comisaria de exposicións colectivas. A cousa debe consistir en buscar un tema, que coma esta teña un título ben chulo e sonoro, e logo atopar pezas (cadros, fotos, vídeos, instalacións) que estean relacionadas co tema, anque sexa daquela maneira. Como curro non pode estar mal e é aínda máis cool có de ser dillei. Sigo á procura de novos horizontes profesionais nesto da modernidá, porque o do blog farda mazo pero non dá carto ningún.



E dos Goya algo vin hoxe nos telexornais (ben, na festa á que fun onte o momento Luis Tosar seguímolo en directo), parece que ao final imperou o buen rollito e a cordura perante o pifostio que organizaron os da AVT. O que non entendo é por qué a Medem, que parece un tipo bastante cabal, valente e consecuente, lle dá por achicarse agora e saír en plan víctima. Non dubido que o pasara mal, pero realmente ten necesidade de xustificarse a todas horas con comunicados e dar lástima nos medios de comunicación? A priori non me parece o máis intelixente, ou segundo por onde se mire ao mellor si.

Pouco máis que rascar da finde, que valla para contar aquí. Só que constatei a miña condición de pardilla, de inxenua number one, porque o certo é que trago con calquera bóla que me solten. Tampouco lles podo contar o porqué, pero por exemplo Jean-Sol podería divertilos con algunha vella anécdota sobre esta inocencia mental que me caracteriza e que tanta vergonza allea provoca no meu círculo de amistades. Non aprendo.

Bicos dende as verzas.  
  Aquí de novo. Na miña ausencia entraron nesta páxina, vía google, fulanos/as buscando "tonechos", "diccionario koruño" (o que fai unha reportaxe na Voz), "supermartes fotos", "grelos" ou "xacobeo atrac". Pero qué blog más enjebre tengo.

Menos enxebre é o de willy sifones, que aínda así repara no tema do unto levado ao paroxismo: os Tonechos parodiando os matrimonios de Noche de Fiesta. Non vos perdades o seu último post, fotos incluídas.

 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger